Intensa axenda de actividades en Ribadeo do 14 ao 19 de agosto. Haberá moita música, deporte e gastronomía.

Ribadeo gozará esta semana de diversas actividades que darán comezo este martes, 14 de agosto, coa actuación da compañía Lila Teatro que presenta Duncan de Palleiro. A representación dará comezo ás 20:30 horas e terá lugar no parque San Francisco (se chove no Teatro).

Ata o 26 de agosto continúa, no forte de San Damian Mariñarte, coas Conversas entre Lucía Vila e Cris Basanta. O horario de visita é de 11:30 a 13:30 horas, e de 18:30 a 20:30 horas. A exposición permanecerá pechada este xoves 16 pola mañá e o venres 17 durante toda a xornada.

O xoves, día 16, a Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o tradicional concerto de San Roque a carón da igrexa, unha vez rematada a misa. O sábado 18 ás 21:00 horas a Banda de Música volverá actuar no auditorio de Cabanela.

Tamén o sábado, 18 de agosto, en Remourelle celébrase a XIII Festa da Carne ao Caldeiro. Está organizada pola asociación de veciños A Madanela e dará comezo ás 14:00 horas. O prezo é de 20 euros, e para os menores de 12 anos 12 euros. A venda de tickets e no bar Taller en Ribadeo, Yenka en Reinante, Vendaval en San Miguel e A Taberna de Lola en Remourelle. Ademais poden facerse as reservas no teléfono 676 788 619.

O sábado 18 haberá tamén unha cita co deporte na II Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo. o percorrido ten unha lonxitude de 8´7 quilómetros e as inscricións poden facerse en www.championchipnorte.com

Rematará a semana co concerto que ofrecerá o grupo de música antiga I Colori dell´Armonia, o domingo 19, ás 20:45 horas, na igrexa parroquial.