A compañía Ibuprofeno Teatro presenta en Burela a súa última produción “O mel non caduca”. Marián Bañobre e Avelino González (premio ao Mellor Actor no Festival de Teatro Galego Celso Parada) son os protagonistas desta traxicomedia escrita e dirixida por Santiago Cortegoso que se poderá ver na Casa da Cultura o domingo, 8 de novembro, ás 19:30 horas.
“O mel non caduca” é un espectáculo arredor da obsolescencia programada, da relación do ser humano cos obxectos e da degradación do planeta por mor da perversa lóxica capitalista. É unha obra para emocionar e concienciar e tamén para rir.
A montaxe amosa dúas tramas, dous científicos que no 2173 tratan de crear sinteticamente unha abella a partir do último tarro de mel que se conserva e dous irmáns que se reencontran trala morte da súa nai para xestionar as pertenzas familiares. As dúas se complementan con outros textos e con escenas de movemento escénico nun espazo creado a partir do universo das abellas e composto por colmeas e outro material de apicultura.
Carmela Bueno no movemento escénico e na axudantía de dirección, Diego Seixo no espazo escénico, Davide González no espazo sonoro e Salvador del Río no deseño de iluminación completan o equipo. O resultado é unha mestura de claves, un espectáculo moi aberto que toma elementos do teatro xestual, da imaxe, da instalación, do clown, da narración, do realismo, do texto contemporáneo, que vai saltando do máis poético ao máis cru, do realismo ao onírico.
A taquilla abrirase ás 18:30 horas, a entrada custa 4 euros. A obra está recomendada para público adulto e a duración da mesma será de 75 minutos.
A representación da obra enmárcase dentro da programaciòn cultural da Delegación Municipal de Cultura e a Rede de Teatros e Auditorios de Galicia e a AGADIC.