O circuíto de teatro profesional Aparte da Vicepresidencia da Deputación de Lugo fai parada este sábado na Mariña. O Vicedo acollerá a obra “Pinconus” de Hipócrita Teatro, na que a música e o humor xúntanse en escena para narrar as aventuras e desventuras dos protagonistas.
A montaxe, destinada a público de todas as idades, envolve ao espectador nunha viaxe cara un lugar ao que todos queren ir, pero moi poucos se atreven: Pínconus. Sucederanse unha serie de estratexias por parte das personaxes que interpretan Ana Carreira, Carlos Rebolo, Marga Portomeñe e Carlos Coira.
Unha comedia musical para toda a familia que non deixará indiferente a ninguén, con texto e dirección de José Campanari e música de Piti Sanz. A representación será ás 20 horas na Casa da Cultura do Vicedo.