A pasada media noite pechouse o prazo de inscrición para participar na X Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, que terá lugar este sábado, 14 de setembro. A cifra é de récord, en palabras do concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent.
O edil ribadense asegurou: “estamos moi contentos cos datos de inscrición na X Media Maratón Ribadeo-As Catedrais. Pechamos a inscrición esta noite con 937 corredores e corredoras, que é un auténtico récord para esta proba”.
Silvent subliñou que “cada ano son máis os atletas que se animan a participar na media maratón Ribadeo-As Catedrais. Moitos veñen acompañados das súas familias ou de amigos e pasan a fin de semana na nosa vila, co que iso supón para os hoteis, para os restaurantes e para o comercio. Deporte e turismo van moi unidos nestes eventos deportivos, que contribúen á prolongación da tempada de verán”.
O concelleiro de Deportes tivo palabras de agradecemento para “a labor de todo o voluntariado co que contaremos para que a proba se desenvolva nas mellores condicións posibles e sen incidencias. Grazas tamén a todos os colaboradores e patrocinadores por apoiar un ano máis a Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, que encherá de deportistas e acompañantes a nosa vila a vindeira fin de semana”.