O XXXVII Festival Folclórico Internacional do Emigrante celebrarase este sábado, 4 de agosto, en San Miguel de Reinante. No evento participarán grupos de Tailandia, Siberia e Serbia, ademais do local Arco da Vella. Mañá, venres, terá lugar unha nova edición da Foliada na que a música tradicional galega será a protagonista. Aquí daranse cita as agrupacións Amado Lar, Amigos da Gaita e Arco da Vella. A presentación do evento tivo lugar este mediodía no Concello de Barreiros.
Enrique Penabad do Arco da Vella anunciou que “os actos comezan o venres, día 3, cunha foliada popular onde pode vir calquera a tocar, bailar e pasar un rato con nosoutros escoitando música tradicional. O normal é que a xente do Arco da Vella toque máis que os demais, pero vai vir xente de Amado Lar do Valadouro, xente de Amigos da Gaita de Ribadeo e se aparece alguén imprevisto por alí, que xa ten ocorrido, cunha gaita axudámoslle nós co tamboril para tocar algo tamén. Comeza sobre as nove e media da noite e ata que o corpo aguante”.
Penabad engadiu que “o Festival Folclórico é o sábado, día 4, a partir das dez da noite no campo de fútbol. Este ano contamos cun grupo de Tailandia, un grupo de Siberia e outro de Serbia ademais do Arco da Vella. Unha vez que remate o festival haberá unha verbena, na praza do Souto, co grupo Lecer. Son dúas cousas complementarias, tanto a foliada como o festival. A idea orixinal sempre foi o Festival Folclórico, onde se procura traerlle aos espectadores folclore de distintas partes do mundo e de España, sempre se aprenden cousas vendo a estes grupos, na maneira de vestir, complementos e tipos de instrumentos. O complemento está na foliada que é única e exclusivamente con música tradicional, xa non hai esa obrigatoriedade de vestir o traxe tradicional senón un pouco máis por libre, pero sempre escoitar música con gaitas, pandereteiras, e calquera tipo de cantigas tradicionais de Galicia. Á xente que lle guste a música pode pasar o venres e o sábado disfrutando dela, non só como espectador senón participando na foliada, pode bailar e tocar, aínda que no festival sexa vir a ver o espectáculo”.
O alcalde, Alfonso Fuente, animou “a todos os amantes da música e do folclore a achegarse esta fin de semana por San Miguel de Reinante”.