O comité executivo da Fundación Expomar reuniuse para ultimar o programa das Xornadas Técnicas de Pesca e o Encontro Empresarial, que se van celebrar os días 20 e 21 de maio e que se titularán 2021 Odisea na pesca. Entre os poñentes estarán Alicia Villauriz, Emilia Gargallo e Javier Garat. A cita será clausurada pola conselleira de Pesca, Rosa Quintana. As xornadas serán telemáticas.
O presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, explicou que “reunímonos o comité executivo da Fundación Expomar, onde ultimamos o programa e puxemos título ás Xornadas Técnicas deste ano 2021 que se van celebrar o 20 de maio. O día 21 será o Encontro Empresarial que sempre ten un interese especial porque aí fálase do que realmente preocupa ao sector. O título deste ano será 2021, Odisea na pesca. Preocupámonos de traer aos mellores para falar daqueles temas que son preocupantes e debemos aclarar, informar e estar ao día no que corresponde ao sector náutico pesqueiro”.
Llano indicou que “para estas xornadas técnicas invitamos a Xavier Fraga, que é o responsable de ABanca para temas do mar. Vai ser quen faga a apertura e despois eu dareilles a benvida. A continuacuón intervirá Alicia Villauriz, que é a secretaria xeral de Pesca do Ministerio e explicará os retos da pesca, o que preocupa ao sector e como se está aplicando agora mesmo todo aquilo que afecta ao bo funcionamento do sector pesqueiro. Tamén estará Emilia Gargallo, que é directora xeral de Mare da Comisión Europea, quen falará sobre estratexias de traballo e iniciativas do mar na Comisión Europea, que é onde se resolven moitos temas relacionados coa pesca, polo tanto cremos que é unha persoa idónea para estar nas xornadas técnicas. Ademais estará unha persoa moi coñecida para facer un análise da situación pesqueira, que é Xavier Garat, secretario xeral de Cepesca e presidente de Europeche, polo tanto coñece moi ben o sector. É tamén moi coñecido aquí entre os armadores e a xente do mar, polo tanto hai confianza plena na súa participación e vai falar de temas moi importantes para o sector. Para clausurar as Xornadas Técnicas estará a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que sempre está colaborando e participando nas Xornadas Técnicas e en todo aquilo que ten relación co mar”.
O rexedor burelés dixo que “invitamos a todo o mundo a apuntarse. Xa anunciaremos a dirección onde se vai retransmitir por streamming. Imos facelo telematicamente, vai comezar sobre as dez da mañá e rematar aproximadamente á unha da tarde. Serán tres horas onde se van facer unhas exposicións e despois tamén vai haber debate con toda a xente que queira participar. Insisto en que xa se dirá como se poden apuntar se queren facer algunha pregunta ás persoas que van participar nestas Xornadas Técnicas”.
O tamén presidente da Fundación Expomar engadiu que “é unha pena que este ano non se puidera realizar a Feira Exposición porque tocaba no ano 2021, pero pensamos que agora mesmo tal como están as circunstancias na pesca, que queremos que siga sendo unha actividade principal e con futuro tanto en Burela, como na Mariña e en toda Galicia, cremos que debemos estar aí para apoiar ao sector e facer algo que realmente poida merecer a pena. Ao non haber feira, temos todo o interese nas Xornadas Técnicas e no encontro empresarial e, xa cando se poida recuperar a actividade para facer a exposición farémolo cando corresponda, que vai ser en 2023. De aquí a alá imos facer moitas cousas que teñan relación co sector náutico pesqueiro porque considerámolo moi importante e tamén queremos que a Fundación Expomar estea sempre aí naquilo que interese ao sector”.