A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “continúa a programación disposta para a edición XXXIX e ¾ do Carnaval máis grande de Galicia, o de Foz, e mañá, martes, día 16 de febreiro, o Concello procederá á emisión a través da súa canle de Youtube do vídeo Escaparates Entroido 2021, realizado por Pablo Cid”.
Inés López explica que “a iniciativa de engalanar os escaparates da vila cos traxes do noso Entroido xurdiu dunha proposta de Olalla Rodríguez, da comparsa Trouleiras, nunha das reunións telemáticas organizadas polo Concello con todos os grupos do Carnaval de Foz. A verdade é que foi un auténtico éxito e a Televisión de Galicia, a Televisión Española, a Fundación TIC, da Deputación de Lugo, e máis medios de comunicación viñeron facerse eco da iniciativa, na que colabora a ACIA local e outros moitos comercios”.
Ademais a edil de Cultura recorda que “tamén seguen dispoñibles para a súa visualización as distintas creacións audiovisuais deste Entroido 2021 atípico: Al Flojo Vivo, dos Moletes; vídeo Entroido de Foz Edición 39 e ¾; e Unha Historia do Entroido de Foz, de Pablo Cid”.