O Concello de Foz organiza, coa colaboración da ACIA-CCA, unhas xornadas gastronómicas nos meses de marzo e abril, nas que investirá unha cifra total de 20.000 euros. Este programa de promoción parte das medidas de impulso á hostalería acordadas co sector, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Ademais o rexedor municipal recorda que “no pleno do mes de febreiro procedeuse á aprobación da derrogación da ordenanza fiscal de terrazas, co cal se elimina o cobro desa taxa durante un período dun ano, e anteriormente emitiuse un decreto eliminando o cobro das terrazas e do lixo durante o peche obrigado dos establecementos. O sector hostaleiro é un dos máis afectados pola pandemia e a pesar de que o organismo con competencias e medios - a Xunta de Galicia - é quen ten que indemnizar polas medidas de restricións impostas, os concellos tamén debemos axudar a un sector do que viven moitas familias e que é prioritario en Foz, sempre na medida das nosas posibilidades”.
O Concello colabora cos hostaleiros na compra das materias primas, maioritariamente de produtores locais, que utilizarán os establecementos para elaborar as distintas preparacións que servirán durante estas xornadas gastronómicas.
O concelleiro de Turismo e Actividades Económicas, Chema Linares, engade que “a pesar das restricións nos horarios, que esperamos que se acompasen ao estado epidemiolóxico nos próximos días - recordemos que Foz non tivo novos positivos nos últimos 14 días - poñemos en marcha estas xornadas gastronómicas. Repartidas en 4 semanas colabórase así cos locais que queiran participar, pertenzan á ACIA ou non, para poñer en valor a nosa cociña”.
O programa das xornadas resúmese nas seguintes datas:
Do 19 ao 21 de marzo: Xornadas do arroz
Do 26 ao 28 de marzo: Xornadas da Faba de Lourenzá
Do 1 ao 3 de abril: Ruta das tapas
Do 16 ao 18 de abril: Xornadas da Horta da Mariña
Os gobernantes municipais destacan que “como aliciente para os clientes, haberá premios por un total de 2.000 euros en vales de compra. Todos os mércores en Radiofoz procederase ao sorteo de 10 vales de 50 euros cada un, que poderán ser canxeados nos establecementos e locais de hostalería da nosa vila. O impacto económico destas xornadas estímase que triplique o investimento realizado e esperamos que constitúan un avance no programa de incentivos do Concello ao tecido produtivo e ao sector servizos”.
E o presidente de ACIA Foz-CCA, José Carlos Paleo, explica que o colectivo empresarial “colabora no obxectivo Impulsa Foz premiando a fidelidade dos clientes con 4.000 euros en vales de compra de 50 euros, que fan un total de 80 premios. Deses catro mil euros 2.000 van destinados ás xornadas gastronómicas e outros 2.000 ás comerciais”.
Ademais Paleo adiantou que ACIA-Foz-CCA “potenciará desde o 26 de marzo unhas Xornadas de Tardeo, con aperitivos, cócteles e copas; en Semana Santa levaremos a cabo unha campaña de Comercio na Rúa, con animación musical e ruta das tapas. Todo isto co obxectivo de dinamizar a hostalería con actividades e potenciar as compras no comercio porque xuntos somos máis fortes”.