Ford está de novo en Ribadeo da man de Talleres Cardi, axente de ventas e postventa que inaugurará as súas novas instalacións este sábado ás 19:30 horas en Dompiñor, concretamente no quilómetro 555 da estrada Nacional 634.
Os propietarios de Talleres Cardi, empresa que tamén conta con instalacións en Lourenzá desde o ano 1983, son José Jesús Cancio Mesa e Roberto Díaz Expósito, quen explica que “a inauguración vai consistir en presentar o taller e o servizo oficial Ford que volve chegar a Ribadeo, localidade que quedara sen cobertura desta marca. Imos ofrecer uns pinchos, tomar uns viños e presentar aos clientes as instalacións este sábado, día 3, a partir das sete e media da tarde. É un acto aberto a todo o mundo que queira vir coñecernos; nosoutros estamos cos brazos abertos dispostos a recibilos a todos”
Roberto Díaz engadiu que “é un servizo oficial Ford e principalmente centrámonos na venta e reparación de coches. En canto á venta en principio estamos dedicándonos sobre todo aos vehículos novos de Ford, pero tamén temos de ocasión. En reparación atendemos a calquera tipo de vehículos de todas as marcas, pero é obvio que a nosa marca é Ford e prestamos o servizo de mantemento oficial e garantías, todo o que sexa relacionado coa marca”.
Díaz Expósito comentou tamén que Talleres Cardi “é unha empresa que se creou no ano 1983 en Lourenzá e levamos dende aquela co servizo Ford. Somos coñecidos, creo que en toda A Mariña, e imos ter as dúas sedes, de feito as reparacións de chapa e pintura vanse realizar todas no taller de Lourenzá. É unha aposta moi grande por parte nosa porque crear unha empresa é difícil. Temos catro novos traballadores e as nosas expectativas son contratar algún máis. Economicamente podemos andar sobre os 300.000 euros de investimento para poñer en marcha as instalacións de Ribadeo”.