Fin de semana de Shopping Weekend en Viveiro os días 18 e 19 de outubro coa participación de 40 comercios

Esta fin de semana o Centro Comercial Histórico de Viveiro aposta unha vez máis por impulsar as compras e o ocio na súa cidade e pon en marcha este venres 18 e o sábado 19 de Outubro a campaña Shopping Weekend, un fin de semana de compras ofrecendo fantásticos descontos en miles de artigos. 

Desde o CCH de Viveiro indican que “esta campaña sempre é un éxito de afluencia de xente a mercar no comercio local, porque os descontos son moi atractivos e poden aproveitar para mercar artigos para a temporada de inverno agora que está a vir o mal tempo”. 

E explican que “os locais participantes estarán identificados cós distintivos da campaña, banderolas de color fucsia de 2,60 metros de altura colocadas nas entradas dos comercios, indicando o desconto do 20%, así como vinilos da mesma cor pegados nos escaparates. Deste xeito para o cliente é moi sinxelo identificar aqueles locais nos que poderá desfrutar da campaña de descontos. Tratase de ofrecer ó cliente a mellor calidade, variedade e prezo, sen ter que desprazarse, mercando no comercio local, un comercio que ofrece un trato persoal e profesional. É moi importante lembrar que estes descontos non son acumulables a outras ofertas que xa teñan nos comercios, a encargos ou a devolucións, xa que é unha campaña puntual organizada só para as vendas destes dous días”.

Desde o Centro Comercial Histórico de Viveiro subliñan que “é unha oportunidade fantástica para pasar a fin de semana facendo compras nos preto de 40 comercios participantes na campaña e desfrutar de descontos do 20% en miles de artigos. Participan locais de moda de muller e nenos, calzado, complementos, artigos de deporte, lencería, xoias, mobles, decoración, agasallos, artigos para o fogar, iluminación, óptica, estancos e salóns de peiteado. Esta campaña está cofinanciada pola Xunta de Galicia, dentro das axudas para a dinamización de Centros Comerciais abertos de Galicia”. 

E animan “a veciños e visitantes a vir este fin de semana polo centro histórico de Viveiro, aproveitar para desfrutar dun dia de compras ó aire libre, mercando con fantásticos descontos e de paso desfrutar da hostalaría, das terrazas e da gastronomía que nos ofrece esta zona”.