A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Marta Saiz, anima a gozar das festas patronais de Ribadeo que se prolongarán ata o vindeiro 10 de setembro.
A edil lembrou que “o pasado venres deron comezo as festas patronais na honra de Santa María do Campo. Como é habitual celebrouse no Teatro o tradicional pregón da man de José Carlos Rodríguez Andina. Foi un pregón entrañable e cheo de emotividade, como non podía ser doutra maneira vindo dun ex alcalde e sobre todo dunha persoa cunha grande calidade humana. Tivemos o pracer de contar cun presentador excepcional como é o periodista ribadense Fabián Pérez e como broche final non podía faltar a actuación da Coral Polifónica de Ribadeo. E o sábado desde as sete da tarde tivo lugar o Xara Fest, un festival organizado por un grupo de rapaces moi novos, pero que derrochan ilusión e ganas de facelo ben”.
Saiz dixo que “as festas prolongaranse ata o día 10 de setembro e a comisión quixo organizar unhas xornadas para todos os públicos con moita música e moi diversa para que sexa cal sexa ou teu gusto ou estilo musical todos atopemos o noso motivo para vir a Ribadeo disfrutar das patronais. Desde Budiño ao Xara Fest e unha grande variedade de grupos e charangas polas rúas ata as orquestras nas noites de verbena”.
A concelleira ribadense contou que “o martes 5 será o día do maiores, onde van gozar de diferentes actividades no centro de día e na residencia. O mércores 6 será o día do neno, onde os máis pequeniños serán os protagonistas da xornada con xogos e a tradicional festa da escuma. Non faltarán tampouco os nosos Cocos e Cabezudos, que ao ritmo das gaitas recorrerán as rúas o día 7. Como marca a tradición o día 8 haberá misa solemne, que será cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida da procesión acompañada pola Banda Municipal de Música de Ribadeo e posterior concerto da mesma diante do Concello”.
Marta Saiz considera que “non hai disculpa para non vir a Ribadeo a pasar un bo ratiño cos amigos e coa familia. Desde o Concello queremos agradecer, sen dúbida, á comisión organizadora (a Juan, a Jacobo e a Gonzalo) a súa dedicación, o seu esforzo, a súa ilusión e o seu traballo no pouco tempo libre que os seus respectivos traballos lles permiten ter para que Ribadeo goce dunhas bonitas festas da patroa. Tamén aos responsables do Xara Fest, que con tanta ilusión traballaron arreo para disfrutar deses concertos que Ribadeo non tiña”.
A edil de Turismo subliñou que “pola nosa parte seguiremos axudando e apoiando estas iniciativas para entre todos construír un Ribadeo de todos e para todos. Agradecer tamén de forma especial a todas esas persoas que bailan os Cocos e os Cabezudos, personaxes entrañables de Ribadeo e aos que eses homes e mulleres lles poñen ritmo e ledicia nestes días de festa. Por suposto, mencionar a todo o persoal do Concello e á Policía Local polo seu traballo, a súa implicación e o seu bo facer para que todo salga como é de esperar. E cómo non, a todos os veciños e veciñas pola súa comprensión. Entendemos que moitas veces as festas fanse largas e non é doado aguantar debaixo das ventás os ruídos e a música durante tantos días. Grazas de todo corazón”.
Saiz anima “a todos a vir a Ribadeo en festas e por suposto o resto do ano tamén, porque Ribadeo sempre merece a pena”.