As festas do Carme de Foz serán pregoadas nesta ocasión polo mestre e investigador da historia local Antón Niñe o 13 deste mes, venres. Ese mesmo día actuará nos festexos o grupo musical Dos pájaros y un trío, que ofrecen un espectáculo tributo aos cantautores Joaquín Sabina e Joan Manuel Serrat co que levan desde 2009 triunfando en moitas localidades españolas.
O presidente do colectivo SempreFoz, que organiza das festas do Carme da vila focense, e concelleiro de Cultura focense, Ánxel Paleo, anunciou hoxe que “o venres 13 de xullo darán comezo as festas do Carme de Foz na igrexa parroquial co pregón a cargo de Antón Niñe. E desde SempreFoz, como comisión organizadora, queremos dar o noso agradecemento a Antón Niñe, mestre e investigador da historia local, por aceptar a nosa proposición de ser o pregoeiro das Festas do Carme de Foz. Anton é un veciño sempre preocupado e colaborador da vida cultural da nosa vila e implicado nas actividades da parroquia e da diocese en xeral. A festa do Carme é precisamente todo iso: implicación no eido espiritual e relixioso e devoción pola patroa dos mariñeiros e o fomento da nosa historia, en particular relacionada co mar e a pesca. Antón escribiu múltiples artigos, colaboracións e libros de investigación sobre diversos asuntos importantes do noso pobo e posúe un arquivo fotográfico e documental de gran valor, polo que con este pregón queremos homenaxealo desde a veciñanza de Foz polo seu traballo. Ademais recentemente celebramos a súa xubilación como mestre e sumámonos con elo as múltiples mostras de cariño da comunidade educativa polo seu traballo e esforzo na docencia, especialmente no instituto de Burela, onde exerceu a maior parte da carreira profesional”.
Ánxel Paleo engadiu que “o pregón será ás oito e media da tarde, dando paso despois ao chupinazo, actos aos que quedan invitados todos os veciños e demais persoas para dar inicio ás festas do Carme, de Foz. As actuacións musicais comezarán ese mesmo venres 13 ás 23:30 horas co concerto espectáculo do grupo Dos pájaros y un trío titulado Cantando por Sabina y Serrat. Será no Paseo de Colón. O sábado 14 a partir das sete da tarde haberá a sardiñada organizada pola Peña Naaassss no Paseo da Ribeira e a continuación a gran verbena coas orquestras Samba e Garibaldi. O domingo 15, a véspera do día grande do Carme, teremos verbena amenizada por Armonía Show e Palladium. E a partir das once da noite polas rúas farase a decoración floral para o paso da imaxe do Carme en procesión ao día seguinte, confección das alfombras á que se invita a participar a todas as persoas que queiran axudar. E o día grande, luns 16, na igrexa parroquial Santiago de Foz ás doce celebrarase a misa cantada polo coro parroquial, despois será a procesión polas rúas acompañada pola Banda de Música de Foz e os grupos folclóricos A Subela, O Feitizo e Andaravío. Haberá xogos infantís gratuítos no Paseo da Ribeira a partir das seis da tarde e a verbena será amenizada pola orquestra Costa Oeste”.