A Federación de Comercio A Mariña acordou na xuntanza celebrada nas últimas horas realizar unha campaña para promocionar e darlle visibilidade ao comercio local durante o vindeiro mes de xuño. Segundo explica o presidente da FCAM, José Carlos Paleo, “esa campaña, que presentaremos nos últimos días do mes de maio, estará nas redes sociais, na prensa, na radio, no cine e tamén na televisión. Imos facela coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo”.
A FCAM tamén agradeceu e valora de xeito positivo a colaboración do xornalista Pedro Madera na reportaxe realizada para a revista Marca Motor, publicada este mes de abril, “e na que achegou a nosa comarca a máis de 100.000 persoas. Madera fixo un percorrido entre Ribadeo e O Vicedo no que propón a visita a diferentes lugares de interese da Mariña como a Basílica de San Martiño, os portos de Nois, Burela, Celeiro ou O Vicedo. Fala da faba de Lourenzá e alude a establecementos comerciais como Panadería Torviso, Casa Damián, A Lonxa, Casa Chao ou Galipizza”. A reportaxe pode verse en www.marcamotor.es, en facebook.com/marcamotor ou en twiter.com/marcamotor
Pedro Madera realizou outra reportaxe para mylifeplanet.com con saída desde o río Eo e remate en Estaca de Bares. O xornalista define a costa de Lugo como “una colección de lugares donde la vida se disfruta con otro ritmo”. O enlace coa información é o seguinte http://mylifeplanet.com/viajes/a-marina-166
Desde a Federación de Comercio A Mariña José Carlos Paleo indica que “está pendente de publicarse a nivel nacional tamén outra reportaxe por Pedro Madera sobre as autocaravanas e as áreas de estacionamento e servizos cos que contamos para este tipo de turismo, que vai en alza, na Mariña”. Na FCAM consideran “importante facer promoción do noso comercio e das nosas posibilidades turísticas aquí na Mariña, pero tamén é importante vender as nosas excelencias a nivel autonómico ou estatal. Si queremos recibir xente durante a maior parte do ano deberemos traballar neste sentido”.
Na xuntanza da FCAM acordáronse as liñas presupostarias para este 2019 coas convocatorias de axudas por parte da Xunta de Galicia e o convenio coa Deputación Provincial de Lugo para o desenvolvemento de actividades ao longo deste ano, así como as distintas campañas que se porán en marcha.