A Federación de Comercio A Mariña e Logística Reyco asinaron un convenio de colaboración polo que a empresa de Fazouro (Foz) estará presente nun proxecto que a FCAM levará adiante ao longo dos vindeiros meses nos centros de FP da comarca.
A FCAM e Reyco así o plasmaron no documento asinado polo CEO da empresa de transporte e loxística, Iván Marrube, e pola presidenta da federación empresarial mariñá, Carmen Cruzado. O acto contou coa presenza do presidente do Grupo Reyco, Miguel Rey.
Cruzado Iglesias tivo palabras de agradecemento: “desde a FCAM queremos agradecerlle o seu apoio económico a Logística Reyco, xa que estará presente como entidade patrocinadora nun proxecto nos centros de FP da Mariña no que levamos meses traballando e que nuns días sairá á luz”.
A presidenta da FCAM declarou: “Reyco é a primeira empresa en unirse a este proxecto e agardamos que ao longo das vindeiras semanas outras firmas referentes en diferentes sectores nesta comarca se sumen a esta iniciativa”.
E engadiu: “desexamos que esta colaboración poida ter continuidade no futuro e que sexa moi positiva tanto para a FCAM como para Reyco”.
O CEO de Reyco, Iván Marrube, dixo: “sumámonos encantados a este proxecto para a posta en valor dos traballos na Mariña Lucense. Consideramos que é bo dar a coñecer aos estudantes que nesta comarca poden optar a postos de traballo da mesma calidade que en calquera outro lugar”.
Marrube considera que “hai a tendencia a pensar que o de fora todo é mellor e nos comprobamos cada día que na Mariña hai empregos de iguais e mellores condicións que noutros lugares”.