Este sábado, 26 de outubro, haberá unha xornada de inspección no río Centiño, en Foz, con varias actividades

Este sábado, día 26 de outubro, o departamento de Medio Ambiente do Concello de Foz organiza, coa colaboración da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), unha xornada de inspección da saúde do río Centiño.

“Englobada dentro do Proxecto Ríos, o sábado 26 en xornada de 10:30 a 13:30 horas, o departamento de Medio Ambiente organiza unha actividade que permite coñecer o estado de saúde dos nosos ríos, neste caso, do río Centiño. O Proxecto Ríos é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos, coordinado por ADEGA. Fundaméntase na realización de inspeccións do estado dos ríos galegos por parte de persoas ou grupos voluntarios a nivel local, co obxectivo final de facerse responsábeis da vixianza (adopción) do río que pasa polo seu municipio ou localidade. O Proxecto Ríos en Foz iniciouse no río Centiño na primavera de 2021 para as inspeccións periódicas e este outono imos realizar unha inspección retomando a toma de datos no lugar habitual”, anuncia a Delegación de Medio Ambiente e Medio Rural do Concello de Foz.

O programa de actividades é o seguinte: ás 10:30 horas terá lugar a introdución da xornada diante do Centro de Interpretación de San Martiño de Mondoñedo; ás 10:45, observación e recoñecemento do hábitat; ás 11:30, valoración da calidade do bosque de ribeira e análise fisicoquímica; é ás 12:15 horas, identificación de macroinvertebrados.

Esta actividade é gratuíta pero é preciso inscribirse a través dun formulario. Para calquera dúbida as persoas interesadas poden contactar con Bibiana (educadora ambiental de ADEGA) a través do correo adegamarinha@adega.gal ou do teléfono 657.94.44.09.

Esta é unha actividade financiada por Augas de Galicia.