Está aberto o prazo de inscrición para participar no desfile de Entroido de Foz, que se celebrará o 18 de febreiro.

O Concello de Foz e a asociación O Noso Foz acaban de publicar as bases que rexerán o desfile de Entroido Foz, que se celebrará o próximo 18 de febreiro. 

Estas bases que están a dispor de todos aqueles que queiran saír a desfilar nas redes sociais do Concello nos taboleiros de anuncios e na delegación de cultura, explican o funcionamento para poder participar. Todos aqueles que queiran entrar no concurso deberán entregar cuberta a solicitude coa documentación correspondente dependendo da categoría de inscrición. Poderá solicitarse e entregarse no mail cultura@concellodefoz.es e no teléfono 982.140.027 extensión 3.

Os participantes que se inscriban antes do luns 13 pola tarde participarán no sorteo de postos que se realizará no concello ás 20 horas. Os que se inscriban despois serán avisados pola organización da orde na que deberán saír. Non se admitirán inscricións o propio día do desfile e o último día para apuntarse será o venres 17 ata as 14 horas.

O desfile de Foz conta con máis de 8.000 euros en premios repartidos nas categorías de carrozas, comparsas, charangas, grupos, parellas adulto e infantil e individual adulto e infantil así como premios especiais. O presidente de O Noso Foz, Ángel Fernández Neira, espera “unha ampla participación e que os que veñan disfruten moito”. 

O pasado mércores, despois de analizado o avance das obras da rúa Irmandiños (por onde  pasaba o desfile), os grupos foron chamados a unha reunión onde se propuxo unha alternativa máis curta á última elixida para o percorrido. E a concelleira de Cultura, Inés López Couto explica que “o percorrido final será igual ca outros anos, só que rematará no cruce das rúas Irmandiños e Concello de Cervo. A raíña recibirá a todos os participantes diante da coñecida como Casa da Pelola”.

O mércores 8 de febreiro comezará a venda das entradas da bancada do porto. Será no Cenima de 9 a 14 horas e o propio día do desfile situarase ao lado do recinto unha caseta para a venda desde ás 12 da mañá e ata o comezo do desfile. O prezo é de 3 euros e para os nenos é gratis. Pídese que se acceda aos asentos antes das 17h para non interromper o desfile.