A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, o presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), Francisco López Valladares, e o presidente da asociación cultural “As San Lucas”, Miguel Souto, presentaron na Praza do Concello o Mercado de Agricultura Ecolóxica certificada que se situará no mesmo lugar da presentación durante os días que dure a feira máis antiga da Comunidade.
Deste xeito, na localidade mariñana daranse cita produtores desta especialidade, que ofrecerán aos visitantes 25 produtos, incluídos nesta denominación, e que se poderán visitar e mercar en seis casetas de madeira diferentes. O presidente do Consello Regulador agradeceu á comisión organizadora e ao Concello a posibilidade de participar na cita festiva, ao tempo que puxo en valor a importancia e a incidencia que ten estetipo agricultura no rural e nun país de minifundio como Galicia.
Neste senso, indicou que este tipo de producións “dan valor engadido aos produtos galegos, tanto pola súa calidade como pola súa elaboración. É dicir, a parte da agricultura cos mellores números de crecemento estará presente nas San Lucas, ou o que é o mesmo, estes días, en Mondoñedo estará representado o presente, o pasado e o futuro da agricultura”, destacou.
Na mesma liña, a rexedora agradeceu o esforzo da organización por sumar este mercado á feira, “pois dálle a Mondoñedo e Ás San Lucas un maior prestixio e un maior recoñecemento”, afirmou.
Finalmente, o presidente da asociación defendeu que“as feiras de vangarda seguen sendo moi útiles ao sector primario. Son feiras interxeracionais, que serven de complemento e que teñen tamén un contido informativo”. Como exemplo, anunciou, o día 19, na Praza do Concello, haberá un showcooking, da man do recoñecido chef Martín Mantilla.