O Concello de Cervo xa ten todo a punto para celebrar un entroido por todo o alto, con actividades e festa para todos os públicos que xirarán en torno aos tres desfiles que se celebrarán en Cervo, en San Ciprián e en San Román de Vilaestrofe.
A rexedora, Dolores García Caramés, e a tenente alcalde, Mali Méndez, presentaron a programación xunto cos representantes das Asociacións Airiños do Xunco e a asociación Mulleres Rurais As Espalladoras, colectivos estes últimos que se encargan da organización dos entroidos de Cervo e de San Román, respectivamente; ademais de representantes da A.C. Comisión de Festas de Lieiro, que colaboran no Entroido de San Ciprián coa venta de bolos preñados e de chocolate e sobremesas típicas destas datas; e de membros da asociación de montes veciñais de San Román e da asociación de veciños de Vilastrofe, que colaboran co desfile de San Román.
Os actos de Entroido comezarán o domingo 11 de febreiro, co Desfile de Cervo que partirá ás 18:00 horas do CEIP de Cervo, a ritmo da charanga Os Macanudos, ata a Praza do Souto, onde se fará a entrega dos premios aos mellores disfraces individuais, parellas, grupos e comparsas, que recibirán figuras de cerámica de Sargadelos e cestas con produtos típicos de Entroido; a continuación disco móbil Conxuro, poñerá os acordes á festa.
As inscricións poden realizarse a través dos teléfonos 675 82 39 85 (Azucena) e 617 31 32 07 (Rafa) e tamén estarán a disposición dos participantes de 17h a 18h no CEIP de Cervo, o mesmo día do desfile.
As comparsas, que deberán estar integradas por máis de 8 persoas, e que se anoten antes do sábado 10 de febreiro, recibirán unha cesta de produtos típicos de entroido.
O martes 13 terá lugar o desfile de Entroido de San Ciprián a partir das 18H con saída da carpa instalada na Praza dos Campos e amenizado pola charanga Os Macanudos. Haberá 2.280€ en premios aos mellores disfraces e comparsas. Ao remate do desfile amenizará un grupo de música.
As persoas interesadas en participar no desfile poderán anotarse na Casa da Cultura de San Ciprián, chamando ao 982.59.51.57, en horario de mañá e ata o mesmo día do desfile. As persoas que se inscriban antes do sábado, 10 de febreiro, recibirán vales de consumición para os establecementos hostaleiros locais e bolos preñados.
Aceptaranse inscricións ata o martes 13 de febreiro na Casa da Cultura pola mañá; e ese mesmo día na Praza dos Campos, dende as 16:00 ata as 17:00 horas; pero sen dereito a vales nin bolos preñados. Os premios entregaranse na Praza dos Campos ás 21:30 horas; e todos os/as gañadores/as terán que recollelo co disfrace posto.
O sábado 17 péchase a semana de Entroido no Concello de Cervo co Desfile de Entroido de San Román organizado pola Asociación Mulleres Rurais As Espalladoras.
Será a partir das 22:00H no Pavillón de San Román de Villaestrofe e estará amenizado polo grupo Zona e por disco móbil Conxuro. Repartiranse máis de 1.500 euros en premios aos mellores disfraces e o teléfono para formalizar a inscrición é o 656.272.802.