A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo vai camiño de pechar o curso 2016/17. Farao de xeito oficial este sábado, 17 de xuño, a partir das 18:00 horas no Cantón, coa celebración do festival de fin de curso que nesta ocasión está dedicado a Músicas do mundo. As diferentes agrupacións que sairán a escena interpretarán música de diferentes países, facendo un percorrido por case todo o mundo.
O responsable da EMMeD, Hugo García, manifestou que “será, unha vez máis, un festival que non deixará a ninguén indiferente. Tentaremos sorprender á xente cun festival concibido para que o desfruten non só no plano musical, que por suposto que o farán, senón tamén neste novo formato ao aire libre”.
En caso de inclemencias meteorolóxicas o festival trasladarase ao pavillón municipal.