Dobre cita musical en Burela. O 29 de decembro haberá concerto de Zoelas e o 30 de Uxía. Ambos serán na Casa da Cultura.

Dobre cita musical en Burela. Esta noite ás 21 horas na Casa da Cultura haberá concerto de Zoelas. O evento está organizado polo Concello. A entrada é de balde. 

Zoelas é un grupo musical de recente creación que nace na Comarca da Ulloa. O xermolo do colectivo sitúase na Asociación Fiadeira, da que forman parte as integrantes de Zoelas. O nome é collido daquela tribo prerromana que habitaba a zona noroeste da península. Un matriarcado cuxos valores serven ao grupo de inspiración para moitas das súas composicións. 

Partindo do seu contacto coa música tradicional, Bea García, Érica García, Carmela Mariño, Pilar Navego, María Bouzas e Patricia Coucheiro deciden xuntar inquietudes musicais para dar lugar a Zoelas, proxecto no que mesturan as raíces do canto tradicional con melodías doutros estilos musicais e letras propias convivindo con coplas recollidas. Ofrecerán un concerto onde os asistentes navegarán entre sons de diferentes países cun eixo común: voces femininas ben acompañadas por Bruno Villamor á requinta, gaita e zanfoña; Miguel Varela á percusión e Michel Rivadulla á guitarra e ao acordeón.

E mañá, sábado, ás 19:30 horas tamén na Casa da Cultura terá lugar o concerto Uxía canta a Uxío. Trátase dunha actividade da Rede de Dinamización Lingüística coa que colaboran o Concello burelés, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e a Fundación Uxío Novoneyra. 

A irrepetible voz de Uxía e a poesía de Uxío Novoneyra xuntos nun concerto de Nadal en que a coñecida cantante interpreta os textos do poeta do Courel acompañada polo músico Sérgio Tannus.