O Concello de Xove presentou a XXX edición do Curso de Música de Semana Santa. No acto estiveron presentes o alcalde, Demetrio Salgueiro, acompañado da concelleira de Cultura, Dolores Meitín, e do director do curso, Xan Carballal.
O curso vaise desenvolver dos días 27 ao 31 de marzo en horario de mañá e tarde. O concerto final celebrarase o mércores, día 31, no pavillón municipal de deportes de Xove, a partires das 18:00 horas.
Tanto para o curso como para o concerto haberá aforo limitado, segundo a normativa actualizada do Covid-19.
O curso, organizado por PrestoXove, será impartido polos profesores Nazaret Canosa e Saúl Canosa e consiste na aprendizaxe por medio do traballo dentro da orquestra, ofrecendo a posibilidade de que alumnos de diferentes niveis poidan participar, xa que se establecen diferentes formacións orquestrais ou de cámara segundo os coñecementos dos asistentes, facendo especial fincapé no traballo por grupos e coordinación.