A tradicional romaría do Monte Castelo celebrarase os días 26, 27 e 28 de xullo, baixo a organización da Asociación R.C.M. Amigos do Monte Castelo e do Concello de Burela coa colaboración de Absa e Ledicia. A programación inclúe unha ampla variedade de actividades para todos os públicos.
Os interesados poderán acceder ás parcelas dende as 18:30 ata as 20:30 do mércores 24 de xullo despois de que foran confirmadas as reservas do ano anterior.
O venres, 26 de xullo, ás 20:00 horas celebrarase unha misa na igrexa da Vila do Medio e, para rematar o día haberá unha chicharrada ás 21:00 horas seguida da actuación do grupo Alaska e dun DJ a partir das 23:00 horas.
A xornada do sábado 27 comezará coa sesión vermú ás 14:00 horas a cargo do Grupo Superstar. De 18:00 a 21:00 terá lugar un concurso de disfraces, con premios para o mellor grupo, parella e individual, doados por Eroski Center, Distribuciones Carreiras e Estanco A Petaca, respectivamente. Ás 18:00 haberá xogos para nenos, e Festa DJ Locais. Cando chegue a noite, os asistentes gozarán dunha verbena co Grupo Superstar e DJ ás 23:30 horas.
E o domingo 28 ás 13:00 horas haberá misa e procesión en honra da nosa Señora das Marabillas. A festa continuará cunha sesión vermú ás 14:00 horas a cargo do Dúo Son de Festa.
Na presentación Marcos Vázquez, presidente da RCM Amigos do Monte Castelo, sinalou que na festa "ten cabida o relixioso, o musical, o gastronómico, a familia, a amizade... Tendo sempre presentes os valores polos que nos reximos, a educación, o respecto, o coidado do medio ambiente. Trátase de desfrutar todos xuntos nun entorno marabilloso como é o Monte Castelo, cunhas vistas fantásticas do norte de Galicia e do occidente astur", sinala Vázquez.
"Estamos moi agradecidos en primeiro lugar ao Concello de Burela, á Comunidade de Montes, á Xunta de Galicia, a ABSA, á SCR Ledicia e a todos os establecementos comerciais e ás asociacións que colaboran connosco", engadiu.
Pola súa banda, a alcaldesa Carmela López subliñou que "a Romaría do Monte Castelo é unha parte moi especial dos eventos do verán de Burela, mantendo a tradición da xuntanza entre familia e amizades no noso mirador e área recreativa. Desde o Concello de Burela agradecemos unha vez máis a implicación do tecido asociativo na nosa vila, xa que traballando conxuntamente podemos contribuír ao dinamismo da mesma", apuntou a rexedora.