O XXIII Campionato de Tute Concello de Cervo reunirá a un centenar de xogadores. A competición comezará o vindeiro martes, 24 de outubro, e prolongarase ata o 21 de decembro.
A cita, xa máis que consolidada, foi presentada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto e por Félix Fernández, persoa que colabora desinteresadamente e que leva ao fronte do campionato dende os seus inicios.
Tal e como apuntaron as partidas xogaranse nos diferentes locais hostaleiros e asociacións do Concello que se sumaron á iniciativa; formando equipos de catro parellas.
Os establecementos escenario das partidas que se desputarán, salvo excepcións, cada martes e xoves son: Mesón A Ría, O Trasgo, O Almacén, Telvi´s Place, Atxuri, As Titas, A Cerve, Río de Oro, O Castelo e o Camarote.
Segundo sinalaron son 10 polo tanto os equipos que se conformaron polo que preto de 100 persoas participarán na competición, entre as parellas titulares, e os reservas chegando así a acadar esa cifra récord da historia do campionato; “un dos torneos máis antigos da provincia de Lugo, que non ten outro obxectivo que o de pasar un bo anaco xogando ao tute entre amigos”.
As partidas ou enfrontamentos realizaranse por sistema de liga, é dicir todos contra todos, a dobre volta, en cada un dos locais que establezan os equipos participantes.
Unha vez finalizado haberá unha cea para todos os participantes na que se fará entrega de trofeos de cerámica de Sargadelos.
O Torneo, organizado polo Concello de Cervo, conta coa inestimable e desinteresada colaboración de Félix Fernández Gómez, que leva á fronte do mesmo dende o seus inicios.