Acisa organiza unha nova edición das xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que se celebrarán os días 2, 3 e 4 de novembro. Os vinte locais participantes nesta cita ofrecerán tapas, racións e menús especiais. Ademais haberá degustación de sidra, actuacións musicais e pasarrúas durante a fin de semana.
Desde a directiva de Acisa explican que “é unha actividade que pretende apoiar á hostalería asociada durante a ponte festiva de novembro ofrecéndolles a turistas e residentes na vila unha interesante e variada proposta gastronómica para disfrutar durante eses días”. E subliñan que “estas xornadas están tamén enfocadas a darlle as grazas ao turismo asturiano do que Ribadeo vive durante todo o ano, ao igual que a fiel clientela local e comarcal”.
Nas xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo participan os seguintes establecementos: O Tumbín, O Lar de Manolo, O Indiano, A Dorada, Galipizza, Prohibido, La Lira, Porta Norte, Cayo Coco, La Brisa, Rosalar, Náutico, Maloserá, Bar Galicia, El Rincón del Gordo, La Solana, La Cantina, Queimada e Cienfuegos. Estes locais servirán tapas, racións e menús especiais con preparacións e produtos da cociña asturiana.
A directiva de Acisa anima “a asturianos e galegos a achegarse esta ponte festiva a Ribadeo a saborear todas as propostas que van atopar nos locais que se dan cita nestas xornadas gastronómicas. Queremos aproveitar a ocasión para agradecerlle ao sector hostaleiro asociado a súa participación. Esta é unha actividade que tradicionalmente funcionou ben e agardamos que nesta ocasión asistamos a unha das mellores edicións desta actividade”.
No parque de San Francisco haberá degustación de sidra, a cargo de Sidrería Solleiro. Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos indican que “a idea é crear un maior ambiente festivo en Ribadeo eses días. Fixemos unha consulta entre os participantes e consideraron unha boa idea contar con esta degustación”.
Xunto ás propostas gastronómicas haberá música e o venres, 2 de novembro, ás 21:00 horas na praza José María López (zona vella). Alí actuarán Ilustres Patilludos. O sábado 3 ao mediodía haberá pasarrúas a cargo de Os Paporrubios; e tamén o sábado ás 21:00 horas na Praza de Abastos terá lugar a actuación de L-R. Finalmente o domingo, día 4, ao mediodía, a xornada estará amenizada con pasarrúas a cargo do grupo Los Gascones.
Esta campaña enmárcase nas actividades de dinamización que organiza Acisa en colaboración co Concello de Ribadeo.
Na presentación das xornadas participaron o xerente da Asociación de Comerciantes, Jesús Pérez, e os directivos Roberto Rivas e Carmen Cruzado.