Diego Anido (Lugo) e Guillermo Paz (Málaga) coa obra Mar revolto foron os gañadores do 4º Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, que se celebrou no muro do peirao de Burela desde o pasado xoves, 30 de xullo. O evento foi organizado pola Concellería de Cultura.
Diego Anido e Guillermo Paz levaron o 1.500 euros do primeiro premio e tamén trofeo. Hipólito Xeada, de Alfoz, conseguiu o segundo premio por A mirada do mar e obtivo 750 euros máis trofeo. O terceiro premio foi para Martín Cal, de Ortigueira, coa obra O gardián do mar, que levou 300 euros máis trofeo.
E o premio para o mellor artista local foi para Héctor Manasé, de Burela, con Arraigados, que recibiu 300 euros máis trofeo.
Desde a Concellería de Cultural felicitan aos gañadores e aos nove participantes na cuarta edición deste certame: “parabéns aos gañadores e a todos os participantes polo voso enorme talento, por compartir con nós varios días con magnífico ambiente, por deixar para sempre a vosa alma e imborrable pegada no noso peirao. Grazas polo súa ardua tarefa ao xurado formado por David Catá (artista gañador do certame en 2019), Marcos Pereira (artista gañador do certame en 2017) e Anxo Rubiños (técnico de Cultura do Concello de Burela), ao ceramista Alfonso Otero Regal por construír exclusivamente tan fermosos trofeos, a Raúl Torres por conducir a entrega de premios, ao grupo de gaitas da SCR Ledicia e da ACM Dambara por amenizar musicalmente o concurso, ao CCA Burela e ao hotel Nordés pola súa colaboración”.
E engadiron: “unha vez máis, como era obvio, o arte e a cultura vencen calquera pandemia. Para o ano máis e mellor”.