Este martes, 23 de abril, deron comezo as actuacións de “A Maxia dos Valores” un programa educativo innovador dirixido ao alumnado de infantil e primaria co que o Goberno da Deputación leva a colexios de toda a provincia un espectáculo de maxia capaz de transmitir valores como a responsabilidade, a gratitude ou o respecto, así o explicou a Deputada de Cultura, Pilar García Porto. Esta primeira actuación tivo lugar no salón de actos do CEIP San Miguel de Paradela ante medio cento de nenos.
A Deputada destacou que “grazas as capacidades únicas da maxia, como son a capacidade de sorprender e emocionar, este espectáculo convertese nunha ferramenta educativa de gran calado entre os máis pequenos. Xa tenos confirmados máis de 450 nenos que desfrutarán deste espectáculo singular ao tempo que aprenden”.
A programación do ente provincial alongarase durante o que queda de curso escolar, ata xuño, e xa ten confirmadas actuacións no Valadouro, Palas de Rei, Portomarín, Meira, A Pontenova e Antas De Ulla, e aínda está aberta a participación de outros centros educativos en concellos como: Cervantes, Lourenzá, Alfoz, O Incio, Bóveda, A Fonsagrada, Foz ou Pol.