A Concellería de Cultura de Viveiro organiza un desfile dixital de disfraces para manter viva a tradición do entroido no municipio.

Baixo o lema 'Entroido na casa, verán na praza? (Fagámolo posible)', o goberno municipal de Viveiro convida á veciñanza a participar subindo un vídeo co seu disfrace a www.viveiroentroido.com

A Concellaría de Cultura do Concello de Viveiro organiza este ano un desfile dixital de disfraces co obxectivo de manter viva a tradición do entroido no municipio.
Por este motivo, e baixo o lema 'Entroido na casa, verán na praza? (Fagámolo posible)', o goberno municipal de Viveiro convida á veciñanza a participar subindo un vídeo co seu disfrace a www.viveiroentroido.com

“A situación epidemiolóxica impide a celebración do tradicional desfile de disfraces e carrozas, pero o entroido de Viveiro é unha das citas do ano e non queremos perdela, necesitamos ademais motivos para sorrir e pasar un bo rato”, asegura María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

O concurso dividirase en dúas categorías xerais, infantil e adulto, con tres subcategorías por cada unha: individual, parella e grupo. Haberá tres premios para gastar no comercio local de Viveiro (primeiro, segundo e terceiro) por cada subcategoría, e ademais premiaranse o disfrace máis divertido e mailo máis orixinal. Nestes dous últimos casos, decidirá o certame o voto da veciñanza, mentres que nos anteriores será un xurado quen elixa os gañadores. 

A votación do disfrace máis divertido e mailo máis orixinal farase igualmente a través da aplicación web viveiroentroido.com. O Concello informará da apertura do prazo. O Concello concreta que, no tocante aos premios aos mellores grupos, será eliminada do concurso calquera agrupación participante que incumpra as medidas decretadas para conter o coronavirus. 

Deste xeito, de gravar unha peza no mesmo espazo, as persoas deberán ser necesariamente conviventes. Outra posibilidade é que os grupos interesados en participar con varios membros de unidades familiares diferentes, graven cada núcleo desde a súa vivenda unha parte do vídeo para finalmente unilas todas e entregar unha peza audiovisual común, ben cun fío conductor se hai algún tipo de 'performance' ou ben cunha homoxeneidade na temática do disfrace. O goberno local fai fincapé en que quen non atenda a normativa sanitaria non poderá participar. 

"Trátase dunha iniciativa para non perder a tradición, para manter vivo algo tan noso como o Entroido a pesar de todas as complicacións", precisa a concelleira de Cultura, Lara Fernández, que avanza que "a finais do mes avanzaranse as datas nas que se poderá participar". As datas para subir os vídeos así como as das votacións, as contías dos premios ou as características dos videos participantes serán comunicadas en breve a través da publicación das bases.