Con motivo de celebración do seu centenario, a Confraría de Pescadores de Burela presenta unha nova actividade, titulada Ao Son do Mar, que terá lugar o sábado 21 de setembro ás 18 horas no auditorio da Casa da Cultura de Burela.
“A música mariñeira tamén forma parte da nosa cultura marítimo pesqueira e por iso celebramos esta actividade, xa que é unha forma de divulgar tamén o patrimonio cultural da nosa Confraría de Pescadores
Nesta xornada interxeracional dedicada á música mariñeira e da terra, as distintas bandas tradicionais de Burela rememorarannos os tempos do mar en que a música servía de distracción para os nosos vellos mariñeiros e repicaba ao son das ondas a través de acordeón. Nesta ocasión acompañarannos as agrupacións musicais tradicionais de Burela: Banda Santo Inocencio, Acordeonistas Da Mariña Burela, Ledicia SCR, ACM Dambara Burela e ACM Arume Burela. Tamén convivirán persoas maiores e mozas, que se enriquecerán de experiencias e aprendizaxes claves que lles invite a seguir co traballo no sector pesqueiro. Vellos lobos de mar terán o seu espazo para contaren as súas aventuras e experiencias aos rapaces e rapazas máis novos/as, co fin de que as súas aventuras sirvan de referencia para dar continuidade aos traballos que ofrece o sector marítimo-pesqueiro, de forma que as novas xeracións vexan no mar unha oportunidade para desenvolveren a súa profesión, axudando así a facer fronte á problemática do relevo xeracional”, explica a organización do evento.
Esta actividade está enmarcada dentro do proxecto Actividades Centenario Confraría de Pescadores de Burela, que conta cunha axuda do Programa FEMPA, da Consellería do Mar, e que foi tramitado no GALP A Mariña-Ortegal na convocatoria 2024.
O proxecto Actividades Centenario Confraría de Pescadores de Burela pretende divulgar a cultura mariñeira, poñer en valor os traballos do mar desenvoltos por mulleres, a integración social, o relevo xeracional e potenciar a labor social da Confraría de Pescadores de Burela nos seus 100 anos de historia, entre outros obxectivos.