A comisión de Entroido ribadense acompañada dun grupo de colaborador@s está a ultimar os preparativos para sacar a diante o programa que Ribadeo se merece.
Ao longo destes días, comezarán a pedir a colaboración entre a hostalería e o comercio ribadense, co fin de recadar fondos que irán destinados, entre outras cousas, aos premios que se repartirán no desfile do Martes de Entroido.
O programa de actividades dará comezo os días 23 e 24 de febreiro coa Festa dos Freixós no Teatro. Así, xa dende o sábado a partir das 12.00 da mañá poderase degustar esta sobremesa típica do Entroido.
O sábado, 2 de marzo, ás 21.00 horas no Teatro continuará a programación coa celebración da Gala do Entroido, que xirará entorno a unha temática concreta: a música. Unha hora antes os membros da Carroza do Entroido sairán do parque de San Francisco caracterizados para a ocasión. Desde a comisión organizadora animan “a toda a veciñanza a que se inspire na temática musical para as súas caracterizacións e nos acompañe, ao igual que o farán outros grupos carnavaleiros da vila. A Gala do Entroido será guiada pola ribadende Susana Álvarez e durante a mesma haberá moitas sorpresas, con artistas de renome nacional e internacional”.
No programa de actividades do Entroido 2019 non faltará a comparsa do cocho, que o 3 de febreiro (domingo), a partir das 12:00 horas percorrerá as rúas de Ribadeo acompañada dun grupo tradicional. Xa pola tarde a partir das 17:00 horas, tócalles aos máis pequenos, que poderán desfrutar do tradicional baile infantil de disfraces na discoteca Rosa Lar.
Desde a organización engaden que “o luns, rememorando vellos tempos, volve a Cea de Entroido, que se celebrará nesta ocasión no restaurante Marinero, onde se poderá degustar un bo cocido, tan típico destas datas. Animamos aos entroideir@s a reservar xa a súa entrada, podendo adquirir as mesmas en: Manualidades Marta (Avda. De Rosalia de Castro), R23 (Rúa Reinante) e Restaurante Marinero (Porto de Porcillán)”.
O martes, 5 de marzo, será o día do gran desfile, que sairá ás 17:00 horas da Avenida Rosalía de Castro para percorrer as principais rúas de Ribadeo e rematar diante do Concello.
E xa o sábado, 9 de marzo, terá lugar a queima do Entroido. Trátase dun dos actos máis destacados do Carnaval de Ribadeo. Ás 21:00 horas sairá a comitiva fúnebre das inmediacións do Concello e trasladarase ata a Avenida Rosalía de Castro onde terá lugar a queima do Entroido, seguida dunha sesión de fogos artificiais e da monumental traca.
O cartel do Entroido 2019 foi presentado nas últimas horas polo presidente da comisión organizadora, Francisco Iriarte, e polo concelleiro de Cultura, Farruco Graña.