O Concello de Foz presentou hoxe, venres, o seu programa do Entroido 2019. Os actos darán comezo o 16 deste mes coa cea de coroación da raíña e seguirán o día 28 co Xoves de Comadres. César Rodríguez González, coñecido como Cesarín, será o encargado de dar o pregón o 1 de marzo e o día grande será o 2 de marzo, data na que se celebrará o tradicional desfile do Entroido no que se repartirán máis de 7.000 euros en premios. As actividades seguirán ata o 8 de marzo.
O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, que estivo acompañado na presentación polo concelleiro de Cultura, Ánxel Paleo Soto, anunciou que “no día de hoxe vimos de presentar unha nova edición do Entroido de Foz, que comezará os seus actos o próximo sábado 16 de febreiro, coa cea de coroación da raíña do Entroido. É un éxito máis de participación, con máis de 800 entradas vendidas, e esperamos chegar case ás mil entradas. Amenizarán ese día a Disco Móvil DJ Puzzle e o grupo de batukada local Perkusiona”.
O rexedor engadiu que “o xoves 28, xa achegándonos máis aos días de Entroido, será o Xoves de Comadres, ás nove e media da noite no restaurante Leytón, organizado por AFAMMER e a Asociación de Amas de Casa de Foz. Metidos no Entroido, o venres 1 de marzo, na Sala Bahía, teremos o pregón, ás oito da tarde, a cargo de César Rodríguez, que todo o mundo coñecemos por Cesarín e é un daqueles míticos antroideiros que iniciaron os desfiles en Foz con moitísima tradición. Tamén o venres, ás oito e media, haberá o típico concurso de coplas”.
Javier Castiñeira sinalou que “o sábado 2 de marzo será o día grande. Ás dez da mañá daremos o fogonazo e durante todo o día haberá charangas polas rúas de Foz. Ás cinco da tarde empezará o 38º desfile do Entroido, que é o acto máis importante do Entroido de Foz, onde se reparten máis de 7.000 euros de premios. Ás once e media da noite será o gran baile, no que se entregarán eses premios, e amenizarán o baile as orquestras Finisterre e Nazaret. As entradas son a 6 euros e os que participan no desfile terán unha bonificación”.
O alcalde explicou que “o domingo é o Día dos Nenos, ás cinco de tarde, na Sala Bahía, amenizado polo Show de Susana, con inchables e obradoiros infantís, e coa entrada a 3 euros. Pola noite, haberá o Touporroutou, con toda a sátira e toda a crítica, organizado pola asociación A Pomba do Arco, no salón de actos do colexio Martínez Otero. O luns, 4 de marzo, teremos o Día do Entroido co baile típico do farolillo, ás once da noite, coa orquestra Os Alcántara e a Disco Móvil Decibelios, tamén nos acompañará o DJ Dani Rego, e a entrada será 3 euros. O martes, 5 de marzo, na Sala Bahía, organizado pola Asociación de Amas de Casa, teremos un baile con inchables para os máis pequenos. O día 8 queimaremos xa o Entroido, esperemos que con toda a satisfacción de ter pasado uns días estupendos. Ás dez da noite sairemos, como sempre, dende Campo da Cabana ata o peirao, alí queimaremos o Entroido e teremos un pequeno ágape para todos os asistentes”.
Javier Castiñeira quixo “agradecer a todas aquelas persoas que se involucran nisto porque a verdade é que sen a súa participación sería imposible e eles fan que este sexa un dos mellores entroidos da Mariña. Tamén agradecer a Sempre Foz, que está aí para botar unha man na organización, que é fundamental para poder levar a cabo tal cantidade de actividades”.