O Concello de Cervo, acolleu a presentación da VIII edición da Ruta de Enduro Medela MTB, que terá lugar o vindeiro domingo 5 de marzo.
No acto estiveron presentes o edil delegado de Deportes, José Ramón Soto, ademais de varios membros do Club Medela; o Presidente, David Riera, Abel Ordás e Víctor Riera; que sinalaron que “a proba comezará ás 9:30 horas, nas inmediacións da piscina de Lieiro, en San Cibrao, realizando, primeiramente, un percorrido non competitivo por varias zonas do municipio, concretamente por Lieiro, a zona do Faro, Galdin e Gondrás”.
A continuación, os participantes porán rumbo ao Monte Medela. Riera sinalou que “levamos moitos meses traballando xa na posta a punto dos camiños, e preparando tramos especiais de enduro, para o día da competición”.
A proba, de dificultade media-alta, será duns 35 quilómetros, e 1.300 metros de desnivel acumulado.
Soto aplaudiu o gran labor dos organizadores “que ano tras ano, grazas ao seu traballo, conseguen superarse e atraer cada vez a máis participantes a esta competición que é xa un escaparate de primeira orde para dar a coñecer a riqueza paisaxística do noso municipio”.
Engadiu, así mesmo que “dende o Concello brindamos todo o noso apoio e colaboración a este tipo de eventos, que promoven o deporte e, ao mesmo tempo, permiten aos participantes gozar dos atractivos naturais de Cervo”.
Neste senso, é unha ruta que cada vez está a coller máis sona, boa proba diso é que o ano pasado participaron uns 250 corredores, unha cifra que os organizadores agardan igualar ou mesmo superar, nesta nova edición.
Ao remate da proba haberá unha comida para tódolos participantes.
Os interesados poden inscribirse a través da web www.championchipnorte.es.