Cervo acollerá o 9 de agosto o II Torneo Maruxaina no que se presentarán os equipos do Club Deportivo San Ciprián.

O Concello de Cervo acollerá o vindeiro xoves, 9 de agosto, o II Torneo Maruxaina no que se presentarán o primeiro equipo e a categoría xuvenil do Club Deportivo San Ciprián.
 
A cita foi presentada no Campo de fútbol da Veiga, polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, o Presidente do Club Deportivo San Ciprián, Eduardo Rubal e por varios membros da directiva deste ente.
 
O torneo, organizado polo Club Deportivo San Ciprián, coa colaboración do Concello de Cervo, será un cuadrangular entre o Club local, o Viveiro C.F., o C.D. Foz e o R.C. Vilalbés. A entrada é libre.
 
Ás 18:30 horas o C.D. San Ciprián medirase ao Viveiro C.F.; ás 19:30 horas o C.D. Foz enfrontarase ao R.C. Vilalbés e ás 20:30 horas xogarase o terceiro e cuarto posto. A final do torneo será ás 21:30 horas.
 
Haberá inchables de balde para os máis pequenos, sortearase unha camiseta do C.D. Lugo firmada por todos os xogadores, e haberá venda de bolos preñados e empanada a prezos populares no recinto.
 
Villares sinalou que “este evento deportivo vén  ser o complemento perfecto para a Festa da Maruxaina que ten lugar esa fin de semana, podemos dicir que o deporte marca, neste caso, o punto de partida desta celebración tan senlleira en San Ciprián”.
 
O rexedor e o edil de Deportes tamén quixeron desexar moita sorte e moitos éxitos ao Club Deportivo San Ciprián nesta nova tempada que arrinca o vindeiro 2 de setembro.