A Praza do Souto acolle por primeira vez este sábado, 17 de decembro, o xa tradicional Mercado de Nadal.
Na mañá de hoxe o alcalde D. Alfonso Villares, a concelleira de cultura, Dolores García Caramés, e o edil de Turismo, David Rodríguez, recibiron a Cristina Rodríguez, xerente de Marmeladas A Morena, e Xerardo Rodríguez, de Cabaliño de Pao, os locais organizadores do evento, para presentar o programa de actividades que terá lugar este sábado.
O mercado abrirá as súas portas ás 11:00H na carpa instalada na Praza do Souto, en Cervo. Os visitantes poderán desfrutar de numerosos postos de alimentación e artículos artesanais e estarán acompañados dende as 11:30H da percusión africana de Mapato.
Ás 12:30H collerá o testigo a agrupación local Fol do Raxal. A tarde estará amenizada pola música de Juan Soto e ás 17:00H dará comezo a actuación do contacontos Caxoto no Ecomuseo. Finalmente, rematarán co sorteo de cestas as 19:30H.
Durante a xornada, os presentes poderán disfrutar dunha gran variedade de tapas na Taberna de Sargadelos, O Caseto de Copa e o Almacén.
Desde o Concello convidan a veciños e visitantes a achegarse durante esta xornada de sábado ata Cervo para desfrutar desta actividade que inaugura a programación de Nadal do municipio, e que é unha oportunidade única para pasar o día en familia e entre amigos.