Celeiro, no concello de Viveiro, celebrará as súas festas patronais do 25 ao 28 de xullo.
As actividades comezarán este xoves 25, Día de Santiago Apóstolo, ás 11:30 horas co chupinazo. Ás doce do mediodía celebrarase misa cantada pola Coral Polifónica Alborada, de Viveiro, e despois haberá procesión coa Banda Naval ata a capela de Santa Ana. Ás 13:00 horas terá lugar un pasacalles e ás 14:00 horas empezará a sesión vermú co grupo Talismán, que tamén actuará na verbena xunto a Discomóvil Nightwave.
O venres 26, Día de Santa Ana, ás doce do mediodía haberá procesión acompañada pola Banda Naval e a continuación celebrarase unha misa cantada polo Coro de Covas. Ás 13:00 horas empezará un pasacalles a cargo de Bágoas da Terra, de Viveiro, e a partir das 14:00 horas será a sesión vermú co grupo Ritmo, que tamén actuará na verbena xunto a Conxuro Discomóvil.
O sábado 27 ás 13:00 horas empezará un pasacalles e a partir das 14:00 horas haberá sesión vermú co grupo Alabama. Ás 21:00 horas celebrarase unha misa polos náufragos cantada por Escolma de meus e despois farase a procesión de baixada ata o porto acompañada pola Banda Naval e a Banda da Misericordia. Despois haberá unha sesión de fogos artificiais e na verbena actuará o grupo Alabama e o DJ Alejandro Martínez.
E o domingo 28 ás 10:30 horas empezará a procesión marítima con ofrenda aos náufragos e bendición das embarcacións. A continuación farase a subida da Virxe do Carme ata a igrexa acompañada pola Banda Naval e despois celebrarase a misa cantada por Sons de Celeiro. Ás 13:00 haberá pasacalles e ás 14:00 empezará unha sesión vermú prolongada a cargo do grupo Kalima 3.0. Rematarán as actividades co Diverneno, a partir das 17:00 horas, con xogos acuáticos na praia, varias atraccións infantís e remate cunha festa da escuma na Praza do Náufrago.