A Concellería de Medio Ambiente por en marcha a iniciativa Burelenses no mundo para dar a coñecer ata onde chegou a xente de Burela, xa sexa por motivos laborais, de pracer ou por estudos. A edil Toñi Eijo anima a participar para descubrir novos lugares neste tempo de confinamento e para coñecer aos veciños e veciñas de Burela que se atopan fora na actualidade.
Toñi Eijo explicou que “desde a Delegación de Medio Ambiente poñemos en marcha unha nova iniciativa que chamamos Burelenses no mundo, co obxectivo de visibilizar ata onde chegou a xente de Burela, xa sexa por motivos de traballo, viaxes de pracer, excursións, estudos, etc”.
A concelleira de Medio Ambiente dixo que “nestes intres non podemos saír da casa, pero non temos dúbida de que non hai continente, país, cidade ou pobo que non fora pisada por un de nós. E coas vosas fotos ou vídeos, de non máis de dous minutos de duración, poderemos viaxar todos xuntos, ver mundo e coñecernos mellor”.
Eijo contou que “a dinámica é sinxela. Só tes que enviarnos unha foto, varias ou un vídeo identificando á persoa ou persoas que aparecen, xunto co nome do lugar onde vos atopades, e se queredes cotarnos algo ao respecto mellor que mellor. Fotos e vídeos deben ser remitidos a burelensesnomundo@burela.org acompañados pola ficha e autorización para a súa publicación”.
A edil burelesa engadiu: “as fotos e vídeos recibidos serán publicados nas redes sociais do Concello de Burela e farán a nosa vida más divertida e entretida, descubriremos novos lugares, coñeceremos novos veciños e veciñas, viaxaremos sen saír das nosas casas e estaremos máis unidos que nunca. Xuntos venceremos!”.