Burela homenaxea a Dona Carme Iravedra Otero no marco do centenario das Escolas Vellas este venres, 28 de febreiro

O Concello de Burela organiza este venres, día 28 de febreiro, ás 19:00 horas no Salón de Plenos a presentación do artigo De Carmiña a Dona Carme. É unha peza elaborada pola cronista oficial de Burela, Herminia Pernas Oroza, para a revista galega do ensino Eduga. O texto recolle a traxectoria de Dona Carme Iravedra Otero, figura clave no desenvolvemento educativo e social de Burela no século XX.

No acto estarán presentes a alcaldesa de Burela, Carmela López; o concelleiro de Educación e tenente de alcaldesa, Mario Pillado; a autora do artigo, Herminia Pernas Oroza; a filla da homenaxeada, Águeda Barcia Iravedra, Juan A. Granados Loureda, inspector de educación e director da revista Eduga, e Rira Gradaille Pernas, Doutora en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela.

Este evento pecha así os actos conmemorativos do Centenario das Escolas Vellas, que se viñeron celebrando nos últimos meses en Burela. Como parte da clausura, descubrirase un panel conmemorativo en homenaxe ás persoas que fixeron posible a súa creación.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou que “este centenario foi unha oportunidade para recoñecer e celebrar a nosa rica herdanza educativa. Queremos darlles as grazas a todas as entidades e persoas que participaron nos actos conmemorativos, enriquecendo a nosa comunidade coa súa dedicación e esforzo”.

Pola súa banda, o tenente da alcaldesa, Mario Pillado, asegurou: “dende as áreas de Inmigración e Educación é un orgullo clausurar o centenario desta maneira, cunha homenaxe, por un lado, a tódalas persoas migrantes que contribuíron e contribúen ó desenvolvemento tanto nas sociedades de orixe como de acollida, caso da creación das Escolas Vellas, como por outro lado a unha persoa que foi fundamental no ámbito do ensino na vila de Burela durante o século XX”.