Burela expón ata o 15 de xullo unha mostra sobre a apertura como museo da Casa de Rosalía

Este martes, 2 de xullo, inaugurouse en Burela a exposición  “A Casa de Galicia. 50 anos da casa de Rosalía”, sobre a restauración e musealización da Casa da Matanza de Padrón, onde Rosalía de Castro pasou os últimos anos da súa vida. A Praza do Concello o acollerá ata o vindeiro 15 de xullo a mostra, con reproducións de documentos, fotografías e textos  que repasan a historia da casa e do esforzo colectivo -de institucións culturais, intelectuais e persoas anónimas- que impulsou a súa apertura como museo en xullo de 1971, con achegas de miles de galegas e galegos, no país e no exilio.

A deputada de Cultura, Iria Castro, e o deputado de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, acompañados polo tenente de alcalde de Burela, Mario Pillado, e pola concelleira de Cultura, Lina Gómez, inauguraron a mostra, que chega a Burela no marco dunha itinerancia promovida pola Vicepresidencia da Deputación que suma unha vintena de localidades.

Iria Castro e Daniel García animaron á veciñanza “a achegarse á exposición, que dá conta do poder mobilizador da figura de Rosalía e da súa obra, mesmo en pleno franquismo” e explicaron que “a itinerancia da mostra  procura  a presenza na rúa e nos espazos comúns dunha autora que é referente cultural, pero tamén feminista e de compromiso social, como facemos con outras iniciativas como a realización de murais homenaxe que se veñen realizando nos últimos catro anos en centros educativos”

A mostra, producida pola Fundación Rosalía e comisariada por Pepe Barro, autor da última renovación museolóxica da Casa-Museo de Rosalía de Castro, está formada por paneis inseridos nunha estrutura que evoca distintas estancias dunha casa.