Esta fin de semana a nave de redes do Porto de Burela volve acoller unha nova edición de PRODUART, a Feira dos Produtos do Mar, Artesanais e Ecolóxicos que organiza anualmente a Fundación Expomar e que, como cada ano, se celebra de venres a domingo coincidindo coa Feira do Bonito.
O conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, xunto coa presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, inaugurarán a 21ª edición da feira este venres ás 18:00 horas na nave de redes do porto de Burela.
Desde o venres pola tarde ata a noite do domingo, o porto de Burela acollerá a máis de 40 expositores de diversa orixe, desde artesanía tradicional e produtos naturais-ecolóxicos, alimentación (tanto perecedeira como elaborados e conservas), artesanía, natureza e medio ambiente.
Non faltarán á cita expositores habituais e fieis á feira desde hai anos, como os embutidos de Suarna, as anchoas de Cantabria, os queixos de León ou os aceites denominación de orixe Priego de Córdoba… ademais de moitos outros produtos artesanais e alimentarios típicos de Galicia.
Dentro do programa de actividades este ano cobran maior relevancia as degustacións gastronómicas de produtos do mar ou o showcooking “Peixe de Burela”, que terá lugar dentro da nave de redes a partir das 19h do venres.
Tampouco faltarán actuacións musicais: o venres despois da inauguración actuarán ‘As Grileiras’, grupo de cantareiras e pandereteiras da Sociedade Cultural Ledicia; e o domingo a media tarde tamén ofrecerán un concerto os ‘Acordeonistas da Mariña’.
O programa desta edición inclúe tamén actividades infantís e demostracións de encaixe de bolillos, que se suman á multitude de actividades de ocio que cada ano rodean a esta cita, como a XXXVII Feira do Bonito, as visitas ao Barco Museo Boniteiro ‘Reina del Carmen’ e o Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, que este ano celebra a súa edición definitiva completando os tramos do muro rompeolas do Porto de Burela.
A oferta de ocio complétase coas diferentes actividades complementarias da Feira do Bonito, como o Torneo de Baloncesto 3x3, a Quedada de Coches Clásicos, o Torneo de Fútbol de Veteranos ou o Encontro de Alfombrismo e Arte Efémero Galego, ademais de diferentes actuacións e ruadas musicais durante o sábado e domingo.
A entrada á feira é gratuíta e desde a Fundación Expomar agardan que esta cita sexa un novo éxito tanto de asistencia de público como de actividade comercial para os diferentes expositores, ademáis de agradecer a colaboración da Xunta de Galicia por medio da Consellería do Mar, da Deputación Provincial de Lugo, do Concello de Burela e de todos os patróns que forman o patronato da Fundación.
Produart persiste como plataforma de exposición comercial-feiral para poñer en contacto a produtores, comerciantes e consumidores que apoien o desenvolvemento dos recursos dende a óptica da sustentabilidade e da conservación do medio, especialmente o mariño. O evento pretende reflexar os valores da sustentabilidade dos nosos recursos pesqueiros, tradición artesanal e patrimonio cultural, servindo como reclamo da actividade turística da zona, que busca a calidade e aposta por este xeito de vida.
A feira promociona os produtos locais, artesanais e tradicionais, e tamén aqueles produtos anovadores que difunden e recuperan a cultura ecolóxica, cunha clara intención de estimular e fomentar iniciativas, recursos e produtos que se atopen no marco da economía sustentable.