A Biblioteca Municipal de Viveiro acolle a exposición ‘Date Conta’ para concienciar, sobre todo á poboación máis nova, sobre as actitudes relacionadas coa violencia machista, fundamentalmente no ámbito da parella.
Na inauguración da mostra, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, quixo dar as grazas “a Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno en Lugo, por traer esta mostra a Viveiro”.
Ademais da alcaldesa e a subdelegada do Goberno, estiveron no acto a concelleira de Cultura e Muller, Lara Fernández Fernández-Noriega, representantes doutros grupos municipais e María Luisa Castro, xefa da Unidade contra a Violencia da Muller da Subdelegación do Goberno de Lugo.
“As estatísticas reflicten un perigoso incremento das condutas machistas entre as persoas más novas, que moitas veces rematan en actos de violencia física ou psicolóxica”, advertiu Loureiro.
A alcaldesa lembrou iniciativas municipais como ‘Viveiro de igual a igual’, para sensibilizar e educar en igualdade durante todo o ano e non simplemente cando se conmemoran as efemérides como poden ser o 8 de marzo ou 25 de novembro. “Estamos na obriga de plantar a semilla da igualdade na sociedade a través de distintos proxectos ou actividades; para iso, é fundamental actuar no ámbito educativo para traballar a igualdade nas aulas e fora delas durante todo o ano e de xeito transversal”, engadiu.
“Queda moito camiño por percorrer pero temos un obxectivo claro: acadar unha igualdade real no noso concello, queremos un Viveiro plural, inclusivo e respectuoso con todos os xéneros e colectivos. Para acadar este obxectivo, son fundamentais iniciativas como a desta exposición”, rematou María Loureiro.