
Este venres, día 28 de marzo, ás 5 e media da tarde a Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, acollerá o evento titulado Soberanía Dixital III: Linux para a casa. É unha actividade pensada para achegar ó público en xeral a unha mellor comunicación e comprensión cos nosos aparellos electrónicos tipo ordenador ou móbil.
A organización desta actividade explica que “esta charla taller e posterior coloquio é a terceira actividade do ciclo que se desenvolverán ó longo de 2025 impulsado polo grupo amarinha.gal nos locais da biblioteca ribadense cedidos polo Concello a tal fin; locais solicitados e concedidos polo Concello para sucesivas actividades. Neste caso co obxectivo de difundir o coñecemento, manexo e posibilidades dun sistema operativo -isto é, dun conxunto de programas de comunicación coas nosas ‘máquinas electrónicas’- que incide nas nosas posibilidades de Soberanía Dixital. Incluirá unha presentación, seguida dunha rolda de preguntas e algún exemplo práctico no que se explorará algún modelo de Linux. Asemade subministrarase como agasallo e primeira ferramenta un usb cunha versión de Linux instalable. É aconsellable traer o propio portátil para así ter a posibilidade de instalación ou mellora do seu manexo. Como complemento disporase dun fanzine en galego de 8 páxinas en formato A5, con artigos relacionados cos temas tratados na xornada. Portada e contraportada estarán asemade adicadas a Linux, a súa historia e a esta charla taller”.
A actividade está aberta, coa única limitación do aforo, a todas as persoas interesadas en explorar ferramentas colaborativas e coñecemento libre.