A Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho de Ribadeo convoca a fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2018. O prazo de presentación de traballos remata o 8 de maio.
Na modalidade de Narración os traballos presentados serán en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, e o tema proposto é Como cambiou o conto ou Como darlle a volta ao conto tradicional: O lobo e vexetariano?, Carrapuchiña feroz?, Cincento no canto de Cincenta?, Unha Bela que nunca dorme?.
No apartado de Debuxo terán que ser feitos sobre cartolina de tamaño aproximado de DIN A4 (folio) e tamén sobre o tema Como cambiou o conto ou Como darlle a volta ao conto tradicional.
Cada autor/a pode presentar cantos traballos desexe, mecanografados, escritos a computador ou a man, neste último caso sempre a bolígrafo e nunca a lapis. No reverso de cada traballo irán escritos o nome e apelidos, idade, enderezo, teléfono e colexio do autor/a.
Establécense tres categorías: A, ata 8 anos; B, de 9 a 11 anos; e C, de 12 a 16 anos.
O prazo de presentación de obras remata o día 8 de maio, e deberán ser entregadas na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho de Ribadeo.
O xurado, formado por persoas entendidas na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. Os premiados nesta fase local participarán na fase provincial do certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O fallo do xurado local farase público despois do Día das Letras Galegas.
Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública, que se reserva o dereito de publicación dos mesmos.