Barreiros acollerá por cuarto ano consecutivo o Campus Fundación Celta de Vigo. Será do 29 de xullo ao 2 de agosto

Hoxe tivo lugar a presentación do agardado "Campus de Verán Fundación Celta by Cabreiroá 2024" no Concello de Barreiros. O evento contou coa presenza da alcaldesa, Ana Ermida; e o concelleiro de dinamización e participación veciñal, Dani García, xunto co coordinador da Fundación Celta de Vigo, Manu Gómez, e membros das directivas dos equipos locais colaboradores.

Dirixido a nenos e nenas de 4 a 16 anos, tanto do municipio como doutras localidades, o campus ofrece a oportunidade de mellorar a súa formación futbolística a través das metodoloxías lúdico-educativas de adestramento da canteira do RC Celta. Ademais, fomenta valores como o compañeirismo, a superación, xunto cunha educación integral.

O campus desenvolverase en Barreiros do 29 de xullo ao 2 de agosto, nos campos de fútbol dos equipos locais, Celta de Barreiros e Iberia. As inscricións xa están abertas e toda a información necesaria está dispoñible na web www.rccelta.es. O Concello de Barreiros ofrece un desconto de 32€ para ás crianzas empadroadas en Barreiros na data do 01/01/2024.

Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros, expresou: "Estamos encantados de acoller por cuarto ano consecutivo este campus, que se converteu nunha actividade futbolística de base referente na Mariña. É unha oportunidade única para que as nenas e nenos da nosa comarca desenvolvan as habilidades deportivas mentres promoven valores esenciais como o traballo en equipo e o respecto".

Dani García, concelleiro de dinamización e participación veciñal, engadiu: "A continuidade deste campus en Barreiros é unha mostra do noso compromiso co deporte de base e coa formación integral da rapazada. Agradecemos ao RC Celta por confiar un ano máis no noso municipio como sede deste gran evento".

O Concello de Barreiros agradece tamén a colaboración dos equipos de fútbol locais, o Celta de Barreiros e o Iberia, pola súa implicación e apoio continuo ao campus, evidenciando a importancia da cooperación entre diferentes entidades para fomentar o deporte de base en Barreiros.