A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto de Semana Santa o mércores 28 de marzo. Esta actuación terá lugar na igrexa parroquial de Santa María do Campo ás 20:45 horas e nela a Banda interpretará por vez primeira sete obras relacionadas coa Semana Santa e debutará un novo músico. Ademais é o primeiro concerto para a nova xunta directiva da Asociación Amadores da Música, que agora preside Elisa Álvarez Amor.
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo, David Ballester, anuncia que “o mércores 28 de marzo terá lugar o tradicional concerto de Semana Santa a cargo da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Este ano retomamos o que anos atrás facíamos neste concerto, que era tocar na igrexa parroquial; así que será ese día 28 de marzo na igrexa parroquial ás nove menos cuarto da tarde. Neste concerto teremos a incorporación dun novo músico, un clarinetista, Ramón López, máis coñecido como Moncho”.
David Ballester explica que “o repertorio que se vai interpretar está relacionado, obviamente, coa Semana Santa; serán obras lentas e marchas procesionais, que penso que van ser do agrado do público asistente. Das oito obras sete serán tocadas por primeira vez pola Banda Municipal de Ribadeo, o cal creo que é unha marca de que as cousas se poden facer e poden facerse ben”.
Ballester quere “invitar á xente a que o mércores 28 de marzo ás nove menos cuarto da tarde se achegue pola igrexa parroquial de Santa María do Campo a disfrutar no concerto de Semana Santa da Banda Municipal de Música de Ribadeo”.
O director da Banda sinala que “xa que volvemos tocar na igrexa queremos, desde a Banda e a Asociación de Amadores da Música, agradecer a colaboración para poder facer este concerto á igrexa de Ribadeo e aos curas”.