A compañía Avelaíña Teatro presenta a obra ‘A Lola’ no salón de actos do Centro Sociocultural, Xuvenil e da Terceira Idade Manuel Lourenzo, en Ferreira do Valadouro. Será este sábado, 28 de outubro, ás 19:00 horas con entrada de balde.
A sinopse da obra é a seguinte: “a Lola son todas as mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo terror franquista. O relato xoga co presente (mediados dos anos sesenta) e o pasado (os anos da Segunda República e os inmediatamente posteriores ao golpe militar de xullo de 1936). A súa trama está determinada polo que se denomina o pasado non ausente; ou sexa, polo feito de que o sucedido nos anos da represión posterior ao golpe segue a determinar as vidas e as condutas de varias xeracións, porque o silencio sobre aqueles feitos impide a superación do trauma. David e Teresa, mozos abertos aos novos aires que comezan a infiltrarse na sociedade española, deciden casar e visitan a casa nativa para comunicarllo aos seus pais. Pero os traumas do pasado seguen presentes: a historia dos pais de Teresa -familia comprometida dende o primeiro momento co novo réxime- e a dos pais de David, identificados cos ideais republicanos, frustran os desexos dos mozos. Na obra recréase o ambiente, ideais e confrontacións entre as dúas formas de entender a sociedade: os valores da tradición patriarcal e escolástica dos golpistas fronte as ideas constitucionais de progreso e liberdade”.
É unha actividade incluída na programación cultural do Concello do Valadouro.