Ata o 4 de maio está aberto o prazo de inscrición nos III Cantos de Taberna, que se desenvolverán en maio durante o Ribadeo de Tapeo 2018.

Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio subliñan que ata o 4 de maio está aberto o prazo do inscrición na III edición de Cantos de Taberna, que se desenvolverá o 11 de maio a partir das oito da tarde durante o Ribadeo de Tapeo 2018. 

E lembran que “as bases atópanse publicadas na páxina web do Concello e nelas recóllese, como vén sendo habitual, as seguintes particularidades: os grupos participantes estarán formados por un mínimo de 5 persoas e un máximo de 10, que irán acreditadas de maneira visible. A participación no concurso estará limitado a 10 grupos e/ou un máximo de 100 persoas en total. Cada grupo percorrerá o itinerario que a organización lle marque, non podendo realizar actuacións noutros locais de hostalería que non lle fosen asignados. Cada grupo dispoñerá de 20 minutos de actuación en cada local. O repertorio será de libre elección, preferentemente con temas populares e tradicionais, incluíndo algunha obra de arraigamento ribadense, que poderán variarse ao longo do percorrido. E cada grupo poderá achegar, xunto coas voces que serán obrigatorias, instrumentos musicais que os acompañen”. 

Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo engaden que “as bases tamén indican que cada grupo dispoñerá dun pasaporte, que selarán en cada establecemento e que será o único medio de acreditación de realizar o percorrido. Os integrantes de todos os grupos quedarán convidados a unha cea conxunta”. 

A inscrición nos Cantos de Taberna é gratuíta e realizarase a través de turismo@ribadeo.org ou chamando ao seguinte número de teléfono 982 128 689. Os participantes deberán achegar a ficha de solicitude dispoñible en http://www.ribadeo.gal//