Ata o 4 de abril segue a semana dos descontos en 50 negocios ribadenses. A campaña denominada A falta de Semana Santa… semana dos descontos en Ribadeo está a ser un reclamo esta Semana Santa. Organizada por Acisa deu comezo o pasado venres.
O presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, indicou que “con esta campaña pretendemos axudar ao comercio a liquidar stock, a mostrar a roupa da nova tempada e a potenciar as vistas a Ribadeo. As impresións ata o de agora son boas, estásenos a indicar que houbo un aumento de vendas, polo que a campaña esta a ter boa acollida, e non so para levar produtos rebaixados, senón incluso para comezar a mercar produtos da nova tempada”.
Na semana dos descontos de Acisa participan 50 comercios de todo tipo: moda home e muller, calzado, electrónica, papelería, libraría, deportes, decoración, regalo… hai dende liquidacións de stocks ata fin de rebaixas, pasando por zonas outlet, 2x1, descontos do 20, 30 ata o 70 %, produtos a 5, 10, 20 ... euros. Da ampla oferta da que están a gozar os ribadenses e as galegas e os galegos que estes días se acheguen a Ribadeo poden conseguir toda a información na páxina web www.acisaribadeo.es ou no facebook @acisaribadeo.
Previsións da Semana Santa
Segundo indica o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “estamos moi contentos de cómo se está a desenvolverse esta Semana Santa nas circunstancias que vivimos. Dende o pasado fin de semana notouse un aumento da actividade económica da vila, en boa parte gracias aos propios veciños, pero tamén aos visitantes da comarca e do resto de Galicia. Onde menos se está a notar é no sector hoteleiro, que ata o de agora está entre un 30 e un 40 % de ocupación, pero hai que ter en conta que o turismo destes días é de vir pola mañá, visitar as tendas, gozar da nosa gastronomía, ver Ribadeo e volver á súa vila ou cidade. Na restauración estamos a falar entre un 75% ata un 90% de reservas nos restaurantes, e nos bares o que se nos indica é que a carga de traballo aumentou con creces, as terrazas especialmente estaban cheas a pasada fin de semana e veuse un Ribadeo cun movemento interesante, sempre votando en falta á veciñanza de Asturias”.
De cara aos próximos días “o que vai influír é a meteoroloxía, temos bos datos en reservas para restaurantes rozando o 75% de media, e esperamos que a ocupación hoteleira aumente ata o 50% con visitantes que veñan entra dous ou tres días”.
O xerente de Acisa indica: “respecto aos días de apertura do comercio durante a Semana Santa, como ven sendo habitual dende Acisa non se establece un calendario fixo, polo que temos coñecemento que a maior parte dos negocios asociados abrirán as súas portas o xoves e moitos deles o venres pola mañá. Subliñar que a hostalaría estará aberta e desexosa de recibir clientes. E por suposto o domingo o comercio ribadense estará aberto, coma sempre”.
O presidente de Acisa anima “á cidadanía a desfrutar con sentidiño de Ribadeo e de toda a oferta que aquí poderán atopar, no noso comercio, na nosa hostalería, na nosa vila. Sempre é un bo momento para vir a Ribadeo desde Viveiro, desde Lugo, desde A Coruña, desde Monforte ou desde Vigo e aproveitar a visita para saír de compras, xantar, tomar algo e achegarse, por exemplo, á praia das Catedrais”.
E engadiu: “esta semana dos descontos está a ser un reclamo en Ribadeo, non so para mercar, senon para desfrutar da gastronomía, do patrimonio... da nosa vila. E agardamos que de aquí ao domingo aínda o sexa moito máis”.