Ata o 2 de xuño está aberto o prazo de inscrición nas Actividades de Verán Ribadeo Mozx, que organizan o Concello ribadense e a OMIX para @s nen@s e moz@s. O sorteo das prazas terá lugar o 7 de xuño e o prazo para presentar o xustificante de pago será do 12 ao 19 de xuño. A información e recollida dos impresos debe facerse na OMIX, na Casa da Xuventude, e a inscrición no Concello. En todas as actividades terán preferencia os nenos e nenas empadroados ou escolarizados en Ribadeo.
A oferta do Concello para este verán serán Colonias de verán para os nenos e nenas de infantil do 3 ao 28 de xullo. Haberá xogos, obradoiros, deportes e actividades lúdicas e recreativas e unha festa acuática o 25 de xullo. Haberá tamén estas colonias nas mesmas datas para os nenos e nenas de 1º e 2º curso de primaria e para os rapaces de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria que gozarán de xogos, obradoiros, deportes, piscina e actividades acuáticas (padel surf, bolas acuáticas, banana acuática, etc…), excursións e festa acuática na piscina o 25 de xullo. A cota destas colonias é de 30 euros por semana.
Os nenos e nenas a partir de 11 anos poderán participar nun Obradoiro de iniciación ás curtametraxes para mozos e mozas. Será do 3 ao 6 de xullo. Os nenos e nenas nados entre 2003 e 2010 gozarán de torneos 3x3 de fútbol, baloncesto e tenis de mesa do 3 ao 14 de xullo.
Para os rapaces e rapazas a partir de 12 anos ofértase a actividade deportiva Heroican Kid Training os días 26, 27 e 28 de xullo. E finalmente en setembro o día 20 haberá un Obradoiro de ferramentas dixitais e recursos na rede para o estudo. Os destinatarios son os rapaces e rapazas a partires de 11 anos.
Ademais Cultura no Camiño traerá varios espectáculos para os nenos e nenas ao longo de todo o verán.