Ata o 19 de agosto celébrase en Foz a Feira do Libro

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis coa organización da Feira do Libro de Foz, que se celebra do 16 ao 19 de agosto na Praza Conde Fontao.

O deputado de Mocidade Daniel García participou na inauguración da cita cultural, que convidou “a visitar o posto do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo na feira e aproveitar a feira para mercar nos postos de venda das librarías. “Estas feiras danlle á lectura  unha visibilidade e unha dimensión colectiva que resulta moi propicia para crear e fidelizar lectoras e lectores. Ademais, supoñen unha oportunidade para coñecer novidades editoriais e  impulsar as vendas das librarías, que son fundamentais para soster unha rede cultural forte nos nosos concellos, no noso país”, destacou durante o acto de inauguracion,que tivo como pregoeiro a Lois Pérez.

O Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo conta cun postona feira, na que participan nove librarías que ofrecen un 10 por cento de desconto nas vendas. A feira inclúe un amplo programa de presentacións, concertos, contacontos e actividades de animación á lectura.