O vicepresidente da Deputación e deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, o presidente de CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia), Francisco López Valladares, xunto con membros da Corporación, inauguraron este xoves a feira de produtos ecolóxicos que se celebra, dende hoxe e ata este sábado, 1 de setembro, nos xardíns de Noriega Varela. Baixo o nome de Ágora Verde, serve para dar a coñecer estes alimentos na comarca, e os stands participantes estarán abertos dende ás 11 ata ás 22 horas.
O Goberno da Deputación é o principal impulsor desta iniciativa, que acada a súa terceira edición, cunha achega de 25.000 euros. Durante os días de feira haberá xogos, obradoiros infantís, concursos e demostracións de cociña, entre outras actividades.