A Rede Museística Provincial inaugurou o ciclo “Culturas en diálogo - Somos migrantes, abrimos camiños”, un programa de actividades que reflexiona sobre a pegada económica, social e cultural dos movementos migratorios a través de exposicións, relatorios, proxeccións e obradoiros que se desenvolverán ata o vindeiro 12 de xaneiro nos catro museos provinciais e noutros espazos culturais.
O Museo Provincial de Lugo abriu o programa coa inauguración da mostra fotográfica “Diálogo Azul” e a proxección das pezas documentais “Microhistorias de ida e volta” cos testemuños de mulleres que viviron en primeira persoa experiencias migratorias, recollidas pola Asociación de Rioplatenses en Lugo.
No marco deste ciclo cultural, coincidindo co Día Mundial das Migracións -18 de decembro-, abriuse nas antigas escolas habaneras de San Miguel de Reinante, en Barreiros, unha exposición que recolle parte da historia da emigración galega a Cuba, Arxentina e Uruguay en fotografías e documentos cedidos por diferentes asociacións dun e outro lado do Atlántico, entre elas o Seminario de Estudos “Os Espigueiros”.
A deputada provincial Mónica Freire Rancaño, a xerente da Rede Museística, Encarna Lago e a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, foron as encargadas de inaugurala.
Os horarios de visita para os vindeiros días son os seguintes:
- Luns 23, de 16:00 a 18:00
- Xoves 26, de 16:00 a 18:00
- Venres 27, de 16:00 a 18:00
- Sábado 28, de 11:00 a 13:00
- Luns 30, de 16:00 a 18:00